"Aves e mamíferos mariños no SW de Galiza, todo o ano. Unha experiencia didáctica e emocionante ao mellor prezo!"

quinta-feira, 22 de janeiro de 2015

Programa de Saidas Peláxicas 2.015




Como ven sendo habitual xa iniciamos a nova tempada de saidas para avistamento de aves e mamíferos mariños na costa galega. 
A continuación poñemos o calendario para as saídas programadas para este ano. Esperamos que sean do voso agrado, xa se poden reservar prazas dende este momento. Estas son:

Interior da ría de Arousa: sábado 28/2/2015 (datas alternativas: 1/3/2015). A tradicional saída por dentro da ría de Arousa, na procura de mergo cristado (Mergus serrator), mobella grande (Gavia immer), mergullón de pescozo negro (Podiceps nigricollis) e arao comun (Uria aalge), entre outras especies.

Peláxica dos araos papagaio: sábado 21/3/2015 (datas alternativas : 22/3/2015). Enfocado á observación dos araos papagaio (Fratercula arctica) e común (Uria aalge) xusto mar afora da illa de Sálvora.

Peláxica dos golfiños: sábado 16/5/2015 (datas alternativas: 17/5/2015). O arroaz boto (Grampus griseus), o golfiño común (Delphinus delphis) e o arroaz (Tursiops truncatus) son avistamentos posibles nesta saída, con palleiras e pardelas como "bonus".

Peláxica das pardelas: sábado 27/6/2015 (datas alternativas: 28/6/2015). Grupos de furabuchos baleares (Puffinus mauretanicus) e pardelas cincentas (Calonectris diomedea borealis) están case garantidos, e quizais se poidan ver os primeiros grupos de paíños pequenos (Hydrobates pelagicus).

Peláxica dos paíños: sábado 18/7/2015. Esta é boa data para os paíños de Wilson (Oceanites oceanicus) e pequeno, así como para as pardelas. Botaremos un ollo por se aparece algunha balea alibranca (Balaenoptera acutorostrata)!

Peláxica dos carrans: sábado 15/8/2015. Boas datas para os carrans (Sterna hirundo),  (Sterna paradisaea) e  (Sternula albifrons), así como para o paíño pequeno  e incluso o carrán negro.

Peláxica das palleiras: sábado 29/8/2015. Data excelente para as palleiras parasita (Stercorarius parasiticus), grande e incluso pomarina (S. pomarinus), así como para os paíños de Wilson e pequeno. Existe a posibilidade de ver a primeira gaivota de Sabine (Xema sabini) do ano.

Peláxica da Sabine: sábado 12/9/2015 (datas alternativas : 13/9/2015). Temos aínda en mente aquelas peláxicas de comezos de setembro de 2012 (aquí) e 2013 (aquí), con bos bandos de gaivotas de Sabine. Aínda que esta fermosa gaivota é o obxectivo da peláxica, as palleiras, paíños e golfiños están case garantidos.

Peláxica da gran lista: sábado 26/9/2015 (datas alternativas: 27/9/2015). Quizais a data máis atractiva de todas as peláxicas, unha vez que os visitantes estivais (paíño de Wilson e gaivota de Sabine) están aínda na zona e os migrantes outonais (como a pardela encapuchada Puffinus gravis e o carrán ártico Sterna paradisaea) poderían aparecer xa.

Peláxica das baleassábado 17/10/2015 (datas alternativas: 18/10/2015). Despois da inesquecible peláxica de mediados de outubro de 2013 (ver aquí) tentaremos avistar algunha balea alibranca mar afóra, cos golfiños comúns e arroaces case garantidos e a toniña (Phocoena phocoena) como "bonus". Algunhas aves interesantes, como a palleira pomarina ou a pardela encapuchada, son posibles.

Peláxica tardía: 14/11/2015 (datas alternativas: 15/11/2015). A derradeira peláxica do ano será realizada a mediados de novembro, co falaropo bicogroso (Phalaropus fulicaria), gaivota pequena (Hydrocoloeus minutus), gaivota tridáctila (Rissa tridactyla) e paíño de Leach (Oceanodroma leucorhoa) como obxectivos.

Baía da Lanzada: 5/12/2015 (datas alternativas: 6/12/2015).2015 remata cun roteiro dentro da ría de Arousa e a través da baía da Lanzada. As mobellas grandes (Gavia immer), pentumeiros (Melanitta nigra) e carolos farán as delicias dos participantes xa que son comúns ese mes nesa área.

Sem comentários:

Enviar um comentário