"Aves e mamíferos mariños no SW de Galiza, todo o ano. Unha experiencia didáctica e emocionante ao mellor prezo!"

sexta-feira, 14 de março de 2014

Peláxicas programadas para 2014

Arao papagaio (Fratercula arctica), mar afóra da illa de Sálvora (Alfonso Santamaría)

Temos prazas dispoñibles para a maioría das saídas peláxicas programadas para 2014. Estas son:



Peláxica dos golfiños 10/5/2014 (data alternativa: 17/5/2014). O arroaz boto (Grampus griseus), o golfiño común (Delphinus delphis) e o arroaz (Tursiops truncatus) son avistamentos posibles nesta saída, con palleiras e pardelas como "bonus".


Peláxica das pardelas 15/6/2014 (data alternativa: 22/6/2014). Grupos de furabuchos baleares (Puffinus mauretanicus) e pardelas cincentas (Calonectris diomedea borealis) están case garantidos, e quizais póidanse ver os primeiros grupos de paíños pequenos (Hydrobates pelagicus).


Peláxica dos paíños 19/7/2014. Esta é boa data para os paíños de Wilson (Oceanites oceanicus) e pequeno, así como para as pardelas. Botaremos un ollo por se aparece algunha balea alibranca (Balaenoptera acutorostrata)!


Peláxica das palleiras 16/8/2014. Data excelente para as palleiras parasita (Stercorarius parasiticus), grande e incluso pomarina (S. pomarinus), así como para os paíños de Wilson e pequeno. Existe a posibilidade de ver la primeira gaivota de Sabine (Xema sabini) do ano.


Peláxica da Sabine 6/9/2014 (data alternativa: 13/9/2014). Temos aínda en mente aquelas peláxicas de comezos de setembro de 2012 (aquí) e 2013 (aquí), con bos bandos de gaivotas de Sabine. Aínda que esta fermosa gaivota é o obxectivo da peláxica, as palleiras, paíños e golfiños están case garantidos.


Peláxica da gran lista 20/9/2014 (data alternativa: 27/9/2014). Quizais a data máis atractiva de todas as peláxicas, unha vez que os visitantes estivais (paíño de Wilson e gaivota de Sabine) están aínda na zona e os migrantes outonais (como a pardela encapuchada Puffinus gravis e o carrán ártico Sterna paradisaea) poderían aparecer xa.


Peláxica das baleas 11/10/2014 (data alternativa: 18/10/2014). Despois da inesquecible peláxica de mediados de outubro de 2013 (ver aquí) tentaremos avistar algunha balea alibranca mar afóra, cos golfiños comúns e arroaces case garantidos e a toniña (Phocoena phocoena) como "bonus". Algunhas aves interesantes, como a palleira pomarina ou a pardela encapuchada, son posibles.


Peláxica tardía 15/11/2014 (data alternativa: 22/11/2014). A derradeira peláxica do ano será realizada a mediados de novembro, co falaropo bicogroso (Phalaropus fulicaria), gaivota pequena (Hydrocoloeus minutus), gaivota tridáctila (Rissa tridactyla) e paíño de Leach (Oceanodroma leucorhoa) como obxectivos.


Baía da Lanzada 13/12/2014 (data alternativa: 20/12/2014). 2014 remata cun roteiro dentro da ría de Arousa e a través da baía da Lanzada. As mobellas grandes (Gavia immer), pentumeiros (Melanitta nigra) e carolos farán as delicias dos participantes xa que son comúns ese mes nesa área.


Fai hoxe mesmo a túa reserva para calquera peláxica aquí ou aquí! E a gozar!