"Aves e mamíferos mariños no SW de Galiza, todo o ano. Unha experiencia didáctica e emocionante ao mellor prezo!"

quinta-feira, 26 de novembro de 2015

Derradeira saída de Seabirds Galicia e futuro

Cumprindo o calendario establecido para este ano por Seabirds Galicia, o vindeiro sábado 5 de decembro de 2015 está prevista unha saída no 'Chasula' pola baía da Lanzada e a ría de Arousa, para realizar avistamentos de aves e mamíferos mariños. No caso de malas condicións do mar, a data alternativa será o 6 de decembro.

Esta será, salvo cambio de última hora, a derradeira saída xestionada a través da plataforma de Seabirds Galicia. Desde setembro de 2011 Seabirds Galicia ofreceu viaxes en barco enfocados á observación de aves e mamíferos mariños, ao longo de todo o ano e con prezos vantaxosos, no que constituíu unha iniciativa novidosa e celebrada polos afeccionados á natureza e á fotografía.

Despois de se producir varios cambios na xestión de Seabirds Galicia ao longo de 2015, e coa intención de dar maior difusión a estas saídas ao mar, a empresa Intramar, S. L. decidiu crear unha nova plataforma, que se denominará Chasula Aves/Chasula Birds, á cal xa hai asociada un blog e unha páxina en Facebook. Os responsables da xestión desta marca serán Isidro Mariño (Intramar, S. L.) e Xabier Vázquez Pumariño (da empresa Habitaq Estratexias). Chasula Aves/Chasula Birds, xunto con Chasula Pesca, forman parte da oferta de servizos de Intramar, S. L.

Cosme Damián Romay foi o responsable da idea e estratexia da plataforma Seabirds Galicia, e, xunto con Martín Rodríguez Otero e Gustavo Ferreiro, do mantemento do blog ata o 31.12.2015. David Leiro, Iago, o mencionado Martín e, sobre todo, o patrón Isidro Mariño, puxeron a punto o 'chum', a comida e o propio 'Chasula' para que as peláxicas foran sempre un éxito.

Aclarar que ata o 31.12.2015 Seabirds Galicia e o seu correo seabirdsgalicia(arroba)gmail.com estarán activos, se ben a partir do 1.1.2016 o blog permanecerá apenas como arquivo das saídas realizadas ata ese momento.
Desde o 1.1.2016 toma o relevo Chasula Aves/Chasula Birds, co seu novo equipo, que xestionará as saídas a través do correo electrónico: chasulabirds(arroba)gmail.com

Saúdos e grazas por crer en Seabirds Galicia.


Sem comentários:

Publicar um comentário