"Aves e mamíferos mariños no SW de Galiza, todo o ano. Unha experiencia didáctica e emocionante ao mellor prezo!"

segunda-feira, 14 de outubro de 2013

12/10/2013: o día das 6 baleas alibrancas

O sábado día 12 de outubro de 2013 será recordado por un avistamento realmente excepcional: nada menos que 6 baleas alibrancas observadas a curta distancia durante máis de 20 intensos minutos a 12 millas ao W da illa de Sálvora.
Pero houbo máis cousas nesta saída peláxica, que comezou ás 8:45 no porto do Grove, co ceo encapotado e multitude de aves nas bateas da ría, ademais dun pequeno grupo de arroaces. Os furabuchos baleares, os mascatos e os corvos mariños cristados comezaron a aparecer na zona externa da ría, a medida que nos aproximabamos ao illote de Pombeiro. Tras superar a vertical da illa de Sálvora, dirixímonos ao primeiro "chum" a 12 millas ao WSW desta, observando polo camiño pardelas encapuchadas e escuras, pentumeiros, palleiras grandes e parasitas e un número inusualmente alto de mascatos e gaivotas escuras. Un único paíño indeterminado "cruzouse" no camiño do barco á vez que grupitos de golfiños comúns fixeron as delicias da pasaxe ao aproximarse ao "Chasula". O "chum" foi moi produtivo, cun grupo de 15 gaivotas de Sabine, e multitude de gaivotas, incluíndo cabecinegras e un gaivotón.
O segundo "chum", máis ao norte, foi inesquecible, coa aparición de catro baleas alibrancas literalmente ao lado do barco, con dúas un pouco máis afastadas. Atopábanse comendo nese punto, efectuando sopridos, xiros de corpo, inmersións sincronizadas e aparicións repentinas a apenas 10 m do "Chasula". Unha delas era enorme, rozando (se non superando) os 10 m de lonxitude. O posterior veu eclipsado polo "subidón" do avistamento, pero foi tamén apreciado polos participantes: máis gaivotas de Sabine, ata sumar 61 diferentes, unha gaivina negra, un carolo pousado, tres furabuchos do Atlántico, grupiños de golfiños comúns e mesmo un peixe roda. Unha gaivota pequena foi fotografada por un de nós.
A entrada á ría polos illotes do norte de Sálvora foi tamén destacada, con dúas aves de rapina como protagonistas: unha tartaraña das xunqueiras femia, que sobrevoou Vionta, Herbosa e cicleou repetidamente en Noro, e un esmerillón pousado no alto deste último illote.
O broche ao regreso a porto puxérono os furabuchos baleares, unha solitaria gaivota cana e un xoguetón grupo de arroaces, que, cos seus saltos celebraron esta saída, a da Festa do Marisco, que ben poderíase chamar a Festa das baleas.

Táboa de avistamentos proximamente.

E algunhas fotos, (c) Xoán Diéguez Vázquez e Juan Gómez Escariz. Tamén un vídeo (c) Cosme D. Romay, publicado na canle do Grupo Naturalista Hábitat:

Balea alibranca (Balaenoptera acutorostrata), 12/10/2013, 12 millas náuticas ao W da illa de Sálvora (SW Galiza) (c) Xoán Diéguez Vázquez.

Balea alibranca (Balaenoptera acutorostrata), 12/10/2013, 12 millas náuticas ao W da illa de Sálvora (SW Galiza) (c) Xoán Diéguez Vázquez.


 Balea alibranca (Balaenoptera acutorostrata), 12/10/2013, 12 millas náuticas ao W da illa de Sálvora (SW Galiza) (c) Cosme D. Romay Cousido.

Golfiño común (Delphinus delphis), 12/10/2013, 8 millas náuticas ao W da illa de Sálvora (SW Galiza) (c) Xoán Diéguez Vázquez.

Golfiño común (Delphinus delphis), 12/10/2013, 8 millas náuticas ao W da illa de Sálvora (SW Galiza) (c) Xoán Diéguez Vázquez.

Pardela encapuchada (Puffinus gravis), 12/10/2013, 8 millas náuticas ao W da illa de Sálvora (SW Galiza) (c) Xoán Diéguez Vázquez.

Furabuchos balear (Puffinus mauretanicus), 12/10/2013, 12 millas náuticas ao W da illa de Sálvora (SW Galiza) (c) Xoán Diéguez Vázquez.

Furabuchos balear (Puffinus mauretanicus), 12/10/2013, ría de Arousa (SW Galiza) (c) Xoán Diéguez Vázquez.

Mascato (Morus bassanus), xuvenil, 12/10/2013, 12 millas náuticas ao W da illa de Sálvora (SW Galiza) (c) Xoán Diéguez Vázquez.

Esmerillón (Falco columbarius), 12/10/2013, illote de Noro, xunto a Sálvora (SW Galiza) (c) Xoán Diéguez Vázquez.

Gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus), adulto, 12/10/2013, porto do Grove (SW Galiza) (c) Juan Gómez Escariz.

Gaivota cabecinegra (Larus melanocephalus), inmaturo de segundo inverno, 12/10/2013, porto do Grove (SW Galicia) (c) Juan Gómez Escariz.

Gaivota de Sabine (Xema sabini), adulto, 12/10/2013, 12 millas náuticas ao W da illa de Sálvora (SW Galiza) (c) Xoán Diéguez Vázquez.

Gaivota de Sabine (Xema sabini), adulto, 12/10/2013, 12 millas náuticas ao W da illa de Sálvora (SW Galiza) (c) Xoán Diéguez Vázquez.

Gaivota de Sabine (Xema sabini), adulto, 12/10/2013, 12 millas náuticas ao W da illa de Sálvora (SW Galiza) (c) Xoán Diéguez Vázquez.

Sem comentários:

Enviar um comentário