"Aves e mamíferos mariños no SW de Galiza, todo o ano. Unha experiencia didáctica e emocionante ao mellor prezo!"

segunda-feira, 2 de julho de 2012

16 xuño 2012 - a media saída - fotos

O sábado 16 de xuño tentamos realizar unha saída peláxica a bordo do 'Chasula', se ben o mar de fondo (ondas de 2,5 m, período de 8 s) fíxonos case imposible avanzar alén das 1,5 millas ao NW da illa de Sálvora. A pesar disto, logrouse avistar as primeiras pardelas cincentas (Calonectris diomedea) do 2012 para Seabirds Galicia e unha moi temperá pardela escura (Puffinus griseus), fotografada a pracer preto das illas Sagres. Tamén subliñar 3 arroaces (Tursiops truncatus) preto de Cambados e presenza estival de virapedras (Arenaria interpres), corvo mariño grande (Phalacrocorax carbo) e gaivota escura (Larus fuscus), estas últimas quizais individuos reprodutores do arquipélago de Sálvora.

Contabilizáronse 13 especies de aves e 1 mamífero mariño (ofrécense números mínimos, en cursiva cifras aproximadas, en negrita, avistamentos destacables):

Arenaria interpres2

Calidris alpina 2
Calonectris diomedea 7
Corvus sp. 2
Larus fuscus 2
Larus michahellis 647
Morus bassanus 10
Passer domesticus 1
Phalacrocorax carbo 1
Phalacrocorax aristotelis 49
Puffinus griseus 1
Puffinus mauretanicus 35


Tursiops truncatus 3

Primeiro unha breve crónica:
          
Cosme Damián Romay, Atocha Ramos, Xoán Diéguez e Xosé Luis Fernández (c) Intramar, S. L. 16/06/2012
"Ás 8:10 h saímos do porto do Grove e avistamos na canle de Cambados arroaces (Tursiops truncatus) que non se exhibiron como en outras ocasións, mostrando un comportamento esquivo, e emprendemos ruta cara ao exterior da ría de Arousa. Como era de esperar, despois do forte vento do día anterior e do cambio de dirección deste, as ondas de curto periodo e que acadaban os 2,5 m viñan en todas as direccións. Apesares de todo largamos "chum" a 1,5 millas ao SW da illa de Sálvora ás 10:10 h, observando pardelas baleares (Puffinus mauretanicus), corvos mariños cristados (Phalacrocorax aristotelis), mascatos (Morus bassanus) e gaivotas patiamarelas (Larus michahellis). Dadas as condicións de incomodidade decidimos regresar ao interior da ría e, próximos ao illote de Noro, fóra das augas do parque nacional das Illas Atlánticas, largamos un pouco de engado, acudindo algunha pardela e gaivotas patiamarelas, que permitiron sacar algunhas fotos interesantes. Despois, xa restablecidos, voltamos ao exterior pola canle interior de Sálvora (excepcionalmente fermosa e chea de lendas para relatar). Ás 12:00 h, e a 1,5 millas das augas do parque nacional, ao NW de Sálvora, e coa mar bastante máis tranquila, largamos o "chum" que nos quedaba, acudindo pardelas baleares e cincentas (Calonectris diomedea) e unha pardela escura (Puffinus griseus). De novo na ría, ao pé do illote de Noro, demos boa conta das navallas e cachelos (patacas proporcionadas por Martín "Peixe", cultivadas por este de xeito ecolóxico; excepcionais polo seu sabor e textura), así como duns pataguillóns (sardiñas en lata), despois do cales regresamos a porto ás 15:00 h".

E unhas fotos, todas (c) Xosé Luis Fernández Carnero, agás a derradeira, que é (c) C. D. Romay Cousido:

Pardela balear (Puffinus mauretanicus) (c) X. L. Fernández Carnero
Gaivota patiamarela (Larus michahellis) no chum (c) X. L. Fernández Carnero

Gaivota patiamarela (c) X. L. Fernández Carnero

Mascato (Morus bassanus) inmaturo (c) X. L. Fernández Carnero

Pardela escura (Puffinus griseus) (c) X. L. Fernández Carnero

Pardela escura levantando voo (c) X. L. Fernández Carnero

Pardela escura (esquerda) con gaivotas patiamarelas (c) X. L. Fernández Carnero

Pardela escura no medio de gaivotas patiamarelas (c) X. L. Fernández Carnero
Observadores a bordo do "Chasula"; ao fondo, Sálvora (c) C. D. Romay Cousido

Sem comentários:

Enviar um comentário