"Aves e mamíferos mariños no SW de Galiza, todo o ano. Unha experiencia didáctica e emocionante ao mellor prezo!"

sexta-feira, 30 de março de 2012

Saída do 24 de marzo. Aves e delfínidos


Arroaz boto ( Grampus griseus) Xosé Luis Fernández Carnero (c)
A saída peláxica partiu do porto do Grove ás 8:30 h oficial, con seis pasaxeiros e a tripulación. Aos poucos minutos de percorrido, localizamos un grupo de arroaces (estimados finalmente en 15-20 exemplares) que deseguida se achegaron ao barco, permitindo obter excelentes fotografías. Posteriormente, o "Chasula" seguiu rumbo ao W pasando preto de Rons, Porto Meloxo, A Mexilloeira e OCarreiro, con observacións de ata 65 corvos mariños cristados, ademais de gaivotón, corvo mariño grande e números moderados de gaivotas. Xa na bocana da ría, e xusto antes de superar a punta sur de Sálvora, contabilizamos un arao dos cons, un carolo, catro carráns cristados e 11 mascatos.

Tras superar Sálvora, avanzamos cara ao WSW ata as 9 millas náuticas ao W da illa de Onza, onde fixemos a primeira parada para lanzar o chum conxelado. No percorrido ata as 9 millas logramos ver dous araos atlánticos, dous araos, ata 19 carolos (moitas deles migrando ao N), 149 mascatos (case todos adultos, migrando ao N) e números sorprendentemente discretos de gaivotas. A destacar, avistouse o primeiro carrán común do ano, contabilizáronse sete peixes roda (dispersos), un corvo mariño cristado fixo acto de presenza a unhas 7 millas o W da illa de Ons(moi afastado da súa zona habitual) e, como un dos avistamentos máis destacados da xornada, dous arroaces botos (un deles un vello adulto, con aspecto abrancazado, densamente rabuñado) e catro (ou cinco) golfiños comúns permitiron gozar á pasaxe de breves pero intensas observacións a curta distancia destes cetáceos.

Ao primeiro chum tan só se achegaron unhas 40 gaivotas patiamarelas e unhas 30 sombrías, ademais dunha gaivota cabecinegra e tres mascatos. Só cando partimos deste punto rumbo á liña das 12 millas, unha palleira grande fixo acto de presenza, ademais de observarse un carolo en migración.

Ata as 12 millas o número de gaivotas aumentou e avistáronse exemplares illados de arao papagaio, arao, gaivota cabecinegra e peixe roda, ademais de cinco mascatos.

No segundo e definitivo chum, non lonxe de dous arrastreiros que faenaban a unhas 13 millas ao W da illa de Ons, destacaron catro palleiras grandes (tres delas preto do barco e outra algo afastada), dous peixes roda, unhas 170 gaivotas (unha delas con argola amarela, probablemente unha patiamarela do P. Nac. das Illas Atlánticas de Galicia) e oito mascatos que pescudaron uns segundos arredor do macizo conxelado.

Tras permanecer arredor do chum máis de media hora, e sen perspectivas de avistar máis especies, comezamos o regreso a porto, observando ata a illa de Sálvora tres novos araos (un deles moi tranquilo, pretiño do "Chasula"), dous araos, catro carolos, catro pentumeiros (femias), dous peixes roda e números discretos de mascatos e gaivotas.

"Dobrada" xa a punta sur de Sálvora, anotamos un novo arao e un págao grande e, xa na zona de bateas da ría (polígonos próximos á península do Grove) víronse algunhas especies "extra" como lavanco, gabita, bilurico das rochas, andoriña común e lavandeira branca, culminando a xornada cun novo avistamento de tres arroaces ao W de Virxe dás Mareas.

Co bo sabor de boca dos cetáceos observados, así como dos sete araos papagaios, doce peixes roda, oito palleiras grandes, araos, carolos e carráns, desembarcamos ás 16:00 h no porto do Grove, xa coa mente posta nas próximas expedicións de primavera de Seabirds Galicia.

O reconto de individuos por especie foi o seguinte:
   
Lavanco ( Anas platyrhynchos)    3     
Pentumeiro  ( Melanitta nigra)  4     
Corvo mariño grande ( Phalacrocorax carbo)  9     
Corvo mariño cristado ( Phalacrocorax aristotelis)   86     
Mascato ( Morus bassanus)    186     
Garzota ( Egretta garzetta)   2     
Gabita ( Haematopus ostralegus)   1     
Bilurico das rochas ( Actitis hypoleucos)    1     
Virapedras  ( Arenaria interpres)  8     
Palleira grande  ( Stercorarius skua)  8     
Gaivota cabecinegra ( Larus melanocephalus)  8     
Gaivota chorona ( Larus ridibundus)    10     
Gaivota patiamarela ( Larus michahellis)    200     
Gaivota escura ( Larus fuscus)  250     
Gaivotón ( Larus marinus)   2     
Carrán común ( Sterna hirundo)   1     
Carrán cristado ( Sterna sandvicensis)   4     
Carolo ( Alca torda)    25     
Arao común (dos cons) ( Uria aalge)  6     
Arao papagaio ( Fratercula arctica)   7     
Álcidos non identificados    5     
Andoriña  ( Hirundo rustica)  1     
Lavandeira branca  ( Motacilla alba)  1     
         
Arroaz común ( Tursiops truncatus)   18     
Golfiño común ( Delphinus delphis)   4     
Arroaz boto ( Grampus griseus)   2     
         
Peixe roda ( Mola mola)   12    


Macato( Morus bassanus) Xosé Luis Fernández Carnero (c)

Gaivotón e Corvos mariños cristados ( Larus marinus & Phalacrocorax aristotelis) Xosé Luis Fernández Carnero (c)

Gaivota patiamarela ( Larus michahellis) Xosé Luis Fernández Carnero (c)

Gaivotas escuras ( Larus fuscus) Cosme Damián Romay Cousido (c)

Palleira grande ( Stercrarius skua) Xosé Luis Fernández Carnero (c)


Araos dos cons ( Uria aalge) Xosé Luis Fernández Carnero (c)

Arao papagaio( Fratercula arctica) Xosé Luis Fernández Carnero (c)

Arroaz boto ( Grampus griseus) Alfonso Santamaría (c)

Arroaz ( Tursiops truncatus) Cosme Damián Romay Cousido (c)

Fotógrafos ( Antonio Santamaría, Stefán Áki Ragnarsson y Xoán Diéguez) Cosme Damián Romay Cousido (c)

Sem comentários:

Enviar um comentário